Literatura europea

Miniatura das Cantigas de Santa María.
Páxina manuscrita do Libro de Buen Amor.

O concepto de literatura europea aplícase ao conxunto de manifestacións literarias de carácter plurilingüe, orais e escritas, producidas no ámbito xeográfico dos países europeos desde a desaparición do Imperio romano até a actualidade. De forma restritiva delimita un ámbito literario específico dentro do marco máis amplo da «literatura occidental», sobre todo no referido ao desenvolvemento desta última nos séculos XIX e XX, onde outras literaturas occidentais como a estadounidense ou a hispanoamericana tiveron un desenvolvemento independente. Noutro sentido, debe superpoñerse ao das literaturas nacionais europeas tanto na súa vertente nacional-estatal, do tipo «literatura belga» ou «literatura irlandesa» como na súa vertente nacional-lingüística, do tipo «literatura inglesa» ou «literatura castelá».

«Literatura europea» delimita, polo tanto, un eido cultural homoxéneo, Europa, e un lapso cronolóxico amplo, séculos VI ao XX, nos que esquemas de pensamento, modelos, temas, formas e influencias mutuas se orixinan, desenvolven, modifican e desaparecen cunha continuidade facilmente perceptible e clasificable. A perspectiva dunha «literatura europea», máis alá de linguas ou de estados, como expresión do desenvolvemento colectivo dunha cultura común, sen limitar as formulacións anteriores, unifícaos e xeneraliza e permite estudalos como un conxunto cunha forte cohesión.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy